Francisco Luengo. Músico & luthier

BiografíaBiografia.htmlBiografia.htmlshapeimage_1_link_0

"Son violagambista e construtor de instrumentos; ás veces director e a miúdo instrumentista.

        É infrecuente combinar a vida do músico coa de construtor de instrumentos.
No meu caso véxoo como unha necesidade: de cada unha destas vidas aprendo o preciso para a outra. E desfruto.

        Creo que a construción de instrumentos é unha vía para entender a
interpretación dos diferentes estilos musicais que abarcamos quen nos dedicamos
á música antiga. Penso que, a falta de tradición, cada instrumento, coas súas
características, virtudes e carencias, é un mestre da interpretación e nos confronta coas aspiracións e intencións dos compositores que crearon obras para eles.

        Por este motivo tento realizar copias o máis exactas posibles dos instrumentos existentes nos museos e en mans de particulares, coleccionistas e intérpretes.

        Para se realizaren copias precísase facer un estudo exaustivo dos orixinais: se a totalidade dos instrumentos do pasado que nos chegaron sufriron modificacións ao longo do tempo, sexa por accidentes, reparacións por veces mal realizadas, ou polo desexo expreso dos donos introduciren modificacións na estrutura para se acomodaren aos gustos musicais posteriores á época da súa construción: alteracións no brazo, nas estruturas internas como a barra harmónica e mesmo transformacións máis radicais, como tentar convertir violas da gamba en violoncelos, co consecuente estrago por colapso ou mutilación. Esta historia, moitas veces azarosa, de cada instrumento musical convídanos a investigar a orixe e concepción do mesmo; como o autor o concebiu. E o mellor xeito para chegarmos a sabelo é coñecermos e practicarmos as técnicas de deseño e fabricación empregadas nel, as proporcións que contén, os materiais dos que está feito, as ferramentas empregadas e a maneira en que se fixo. Por suposto, coñecermos a música para a que foi destinado.

        Aplico un método similar para aqueles instrumentos que pola súa antigüidade só son conservados en  imaxes, sexan pinturas, esculturas ou tapices. É o caso dos instrumentos medievais. O intérprete que, coma min, estea interesado na música dos séculos XII, XIII e XIV ten que lidar coa case total ausencia de información verso da práctica instrumental daqueles tempos. Aquí faise máis aguda a necesidade de conseguir instrumentos fiables cos que enfrontarse, e que cumpran máis ca nunca o seu papel pedagóxico. Non é por acaso que o meu traballo se basee fundamentalmente no estudo dos instrumentos representados no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela (s. XII) e na Sala Capitular do anexo Pazo de Xelmírez (s. XIII), que pola cualidade das súas esculturas, a proximidade xeográfica e as datas da súa construción, ofrecen un panorama único na iconografía europea en relación ás mudanzas nos instrumentos acaecidas entre os séculos XII e XIII. E o froito deste traballo e investigación aplícase en concertos e gravacións co grupo Malandança ou no drama litúrxico "Ordo Prophetarum"."